É habitual que as familias prefiran un cachorro para telo desde pequeno ou porque pensan que o animal se adaptará mellor e será todo máis sinxelo. “Os medos ao incorporar un can adulto á familia son debidos ao descoñecemento do seu pasado, ás dificultades que pode ter por ter sido abandonado ou ter vivido nunha protectora ou á incerteza sobre os poucos anos que lle quedarán de vida”. Mais, elixir un cachorro tamén ten os seus inconvenientes. De feito, habitualmente son máis “movidos” até a súa etapa adulta e engaden un caos extra e inesperado á familia. É probábel que lle encante morder as mans e todo tipo de obxectos, polo que necesitará supervisión constante. Ademais, hai que educalo e ensinarlle pautas hixiénicas e de xogo e mimar a súa socialización. Mentres, os cans adultos teñen as súas vantaxes. O seu carácter xa está definido e con axuda profesional é máis sinxelo mellorar a adaptación á súa nova vida ao obter esa información sobre os seus posíbeis medos e inseguridades e aprender a acompañalo dunha forma respectuosa.
O mesmo ocorre no caso dos gatos. Os cachorros están cheos de enerxía, mentres que os adultos, en comparación, habitualmente son moito máis tranquilos. Ademais, os primeiros meses de vida marcan de forma significativa o carácter do gato, así que poderás influír no seu estilo de vida cunha socialización acorde á túa, mentres os adultos contan cunhas experiencias previas que terán marcado a súa forma de ser e haberá que aprender a respectar.
A idade do can ou gato vai intimamente ligada ao seu nivel de enerxía. E para adoptar un can ou gato antes deberiamos analizar a nosa personalidade e estilo de vida.
Así, o ideal sería escoller un compañeiro de catro patas co mesmo nivel de enerxía que teñamos nós, e incluso algo menos; mais, en ningún caso, elixir un con máis enerxía ca nós. É probábel que co tempo non poidamos responder ás súas necesidades e supoña problemas para a convivencia e comportamentos prexudiciais para o seu benestar e o da túa familia multiespecie.
Para decidir o tamaño do can hai un factor clave: o tempo que se lle pode dedicar. A pesar de que habitualmente crese que un can grande debe vivir nunha casa con xardín e que nun piso só se debe convivir cun can de tamaño pequeno, o que verdadeiramente debes saber é que un can precisa descansar e durmir unha media de 17 horas ao día.
Aínda que non hai evidencia científica e a lóxica fai pensar que, se é un apartamento pequeno, non é idóneo elixir un can de grandes dimensións que precisaría de espazo exterior, a verdade é que máis metros cadrados de casa ou parcela non aseguran o benestar de ningún animal. O benestar dun animal non é proporcional ao espazo onde viva, senón ao tempo, educación, agarimo e coidados que se lle dedique. Cans grandes poden estar nun piso sempre e cando teñan oportunidade de pasar o tempo preciso fóra acorde á súa idade e actividade física. Desa forma, o tempo en casa, por pequena que sexa, será de descanso dando igual a cantidade de metros cadrados dos que dispoñas.
Mais ademais, segundo o tamaño, necesitarán uns coidados específicos. E debes ter en conta tamén que os cans máis grandes implican máis gasto, desde a cantidade de comida aos coidados veterinarios, así como os gastos en hixiene, elementos de paseo etc., algo que influirá no gasto económico mensual.
Se ademais tes outros cans e son de tamaño grande, un cachorro de raza mini terá máis posibilidades de adaptarse cos cans grandes que se a un can mini adulto lle introduces un can adulto de tamaño grande sen ter unha boa socialización previa con animais de maior tamaño ca el.
Aínda que é complicado xeneralizar e dicir que todos os cans/gatos dunha raza en concreto teñen unhas características específicas, si é certo que os cans de raza poden ofrecer certa idea sobre a personalidade ao contar cun factor xenético hereditario que inflúe no seu carácter.
En calquera caso, elixas un can ou gato de raza ou mestizo, é importante coñecer a súa procedencia.
Pelo longo ou pelo curto? Aínda que pareza unha parvada, a túa casa encherase de pelos no mesmo momento no que entre un can ou un gato nela. E non é o mesmo o pelo longo ou o curto.
De feito, hai algunhas razas que precisan lavados frecuentes, como os Sphynx, e outros peiteados case a diario para evitar os nós, como os gatos persas.
O sexo é especialmente significativo no caso dos gatos, aínda que o comportamento empeza a ser diferente cando alcanzan a madurez sexual, algo que pasa a un segundo plano coa esterilización.
Os machos habitualmente teñen máis tendencia a vagabundear e marcar territorio. Pola súa parte, as femias habitualmente son máis dóciles e cariñosas e durante o celo habitualmente miañan de maneira sonora.
Neste caso, habería que ter en conta a idade do animal que xa nos acompaña. Se é cachorro e queremos facernos con outro da mesma idade, non habería maiores problemas se se respectan os seus tempos e espazos.
Pola contra, se se trata de dous gatos adultos sería recomendábel levar a cabo unhas pautas de adaptación progresiva e que sexan eles os que decidan cando están preparados para convivir.
Cos cans o máis importante é que se coñezan nun entorno neutro e haxa plena supervisión na convivencia até a súa plena adaptación. Ademais, o ideal é que ambos teñan o mesmo nivel de enerxía para que se adapten ben o un ao outro e, de non ser así, que esteas seguro se o teu can adulto ou sénior tolera ben aos cachorros.
E se tes un gato ou un can? Neste caso, é recomendábel que preguntes na canceira ou o refuxio ao persoal para que te asesoren sobre a personalidade de cada can/gato e cal se levaría ben co teu gato/can ou non. Como nos casos anteriores, é mellor que os presentes antes de levalo á casa definitivamente e que os primeiros días estean sempre baixo supervisión, máis aínda cando hai nenos ou nenas na casa.
Adoptar un can ou un gato supón uns gastos económicos importantes, especialmente en comida, coidados veterinarios, xoguetes, equipamento, salón de peiteado... É certo que non se pode xeneralizar e depende de moitos factores gastar máis ou menos, mais en función da túa elección variará tamén o gasto económico.
Os animais das canceiras pódense reeducar, mais supón en ocasións un gran esforzo. E non sempre estamos preparados para facerlle fronte se as cousas non flúen como esperabas. Por iso é fundamental que non decidas adoptar un can ou un gato de forma impulsiva. Debe ser unha decisión moi meditada entre todos os membros da familia na que fixeras balance das vantaxes e as desvantaxes. Un animal precisa de tempo, espazo e tamén implica uns gastos económicos e imprevistos que terás que asumir durante o resto da súa vida.
- Como é o día a día da familia?
- Canto tempo libre temos?
- Estamos gran parte do día fóra?
- Somos persoas activas ou sedentarias?
- Temos fillos?
- Como é o carácter de cada un dos membros da familia e como se involucran nas tarefas da casa?
- Requisitos: ser maior de idade, en caso de animais PPP ter a licenza PPP correspondente ou estar disposto a tramitala para obtela.
- Trámite: asinar o contrato de adopción e a documentación correspondente á alta do microchip en REGIAC.
- Taxa: para a adopción tanto de cans como de gatos débense abonar dúas taxas, estipuladas polo Concello da Coruña e que están recollidas na Ordenanza Municipal, estas taxas son:
- Implantación chip: 39,83€
- Vacina: 18,30€
- Documentación: Aos adoptantes entregaráselles o pasaporte correspondente ao animal adoptado, onde figura o nome do titular do animal, o seu número de identificación, as vacinas e as desparasitacións.
- Esterilización: Os animais adultos sairán esterilizados excepto naqueles casos que, por prescrición veterinaria, non sexan esterilizados por motivos de saúde do propio animal. Os cachorros que aínda non están en idade de esterilización sairán con un compromiso de esterilización onde se lle indicará ao adoptante a data aproximada na que se lle concertará unha cita para a esterilización do animal adoptado.
Información sobre como participar, requisitos, trámites, documentación
A entrega de animais abandonados a fogares de acollida só se fará cando as persoas físicas podan garantir o coidado, atención e condicións hixiénico-sanitarias precisas e respecten o número máximo de animais que poderán acollerse nun mesmo fogar de acollida, estabelecido regulamentariamente. A entrega está condicionada á devolución inmediata do animal se aparecese unha persoa adoptante. A acollida temporal será sempre de común acordo coa persoa titular do fogar de acollida.
Entregarase unha declaración de posesión responsábel á persoa responsábel da casa de acollida. Dita declaración presentarase perante o Concello que realizará a comprobación formal e, no seu caso, a comprobación material. En caso de conformidade, rexistrarase como fogar de acollida no Concello.
Ademais, entregarase ao responsábel do fogar de acollida un documento no que se identificará tanto dito responsábel como o animal que leve en acollida. Este documento será asinado polo responsábel.